Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta avoga polo traballo conxunto e coordinado das forzas de seguridade públicas e privadas para conseguir unha galicia máis segura


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, participaron no acto institucional do ‘Día da Seguridade Privada 2016’

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, avogou hoxe polo traballo conxunto e coordinado das forzas de seguridade públicas e privadas para conseguir unha Galicia máis segura. Rueda participou no acto institucional do Día da Seguridade Privada 2016, que se celebrou na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada e estivo organizado pola Delegación do Goberno en Galicia.

Ademais do vicepresidente, tamén participaron neste acto o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, o xeneral da Garda Civil, José María Feliz Cadenas, o xefe Superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez, o director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, o presidente do Colexio Oficial de Detectives de Galicia, José Luis León Rey, e o tenente de alcalde da Estrada, Juan Constenla.

O vicepresidente da Xunta lembrou que en 2012 a Agasp foi habilitada polo Ministerio do Interior para a formación do persoal da seguridade privada, un sector que engloba a unhas 4.000 persoas en Galicia. Desde entón, o obxectivo da Academia foi converterse nun centro de referencia para todo este persoal de seguridade que traballa na nosa Comunidade.

Neste sentido, abríronse as portas da Academia que, por exemplo, o mes pasado acolleu o Primeiro Congreso Autonómico na materia, no que máis de 200 profesionais recibiron a formación necesaria para complementar o seu labor co das forzas públicas.

Rueda explicou que formarse xuntos, compartir experiencias e compartir coñecementos facilita a mellor conexión e a mellor coordinación entre todos os actores e por iso a Academia estradense quere acadar unha perspectiva integral da formación do persoal da seguridade en Galicia.